Soños de corentena

Lugo Brais
Volvía de festa á miña casa da adolescencia do barrio de Paradai. Escoitábase o balbordo da orquestra de fondo, pero non sabería dicir ben de onde viña. Ao subir no ascensor todo se tornou máis confuso, ata despertar no meu cuarto. Alí, todas as portas abrían ao revés e os mobles estaban no lado contrario ao habitual. Deiteime e ao momento despertoume a luz. Abrín a ventá, asomeime e vin unha orquesta tocando música brasileira diante do portal. Caín na conta que a estaba no quinto, cando aquela vivenda só tiña catro andares. Vestinme e saltei pola ventá. Aterrei nun pequeno xardín no medio da xente, do outro lado da rúa. A estrada separaba á xente da orquestra. Comezou a aparecer xente do barrio, pero as súas idades non se correspondían coas da época. Un par de amigos apareceron na súa idade actual, a avoa dunha amiga era unha nena e a amiga unha avoa con pano na cabeza. Estaban os da Garaballa e os do Souto, tamén os novos vellos e os vellos novos. Alguén queixouse de que o concello non cortara a rúa ao tráfico. A baterista do grupo era Manuela D'Avila, que tamén presentaba os temas. Convidounos a ir por un vermú mentres atacaban o comezo da seguinte peza. A irmá do Roberto dixo que todos os bares do barrio estaban pechados. Roberto dixo que iso era raro. O público comezouse a alarmar e a discutir entre eles. Alguén berrou que era normal, porque morreran todos o ano pasado. Elevámonos verticalmente coma un dron procurando un sitio onde instalar a sesión vermú. Pasamos por detrás do colexio, onde se apilaban aparcados un monton de Renaults 4 pintados de negro e con rodas de 4x4. Ana dixo que podiamos apartar os catro latas, que non había competición. Descendimos todos desde a vista de paxaro do google maps. Agora a festa estaba no sitio onde estaban os coches, no medio do Barrio Feixóo. As persoas aparecían e desaparecían e o seu corpo mutaba en idade. Todo foise desfacendo, creo que non soñei máis.