Sueños de cuarentena

Lleida Bárbara
X. e máis eu chegamos a unha poboación inespecífica, do estilo de Viveiro. Imos a un balneario. Ao chegarmos, dannos unha habitación supergrande e bonita, que ten un cuarto de baño que xa en si mesmo é un SPA chulísimo. Pero nós decidimos que xa o aproveitaremos máis tarde e dirixímonos ao balneario de uso común. Para iso, X. ten que entrar pola porta dos baños de "homes" e eu pola de "mulleres", e logo atoparémonos ao final. O meu camiño cara ao final resulta ser pola rúa e por algún bar, e vexo que hai moitos coches e moita xente. Observo que a xente non garda distancias de seguridade nin moito menos, incluso hai quen choca comigo, o cal non me resulta para nada preocupante. O que me agobia de verdade é que de súpeto me decato de que X. e máis eu incumpríramos o confinamento!! Como é posible que colléramos o coche e fixéramos tantos quilómetros? E aínda por riba ir a un balneario?? Empezo a agobiarme moitísimo, sinto angustia por estar facendo algo non permitido e comezo a asustarme porque agora todo o que quero é conseguir atopar a porta para chegar á zona de balneario e avisar a X. de que temos que marchar inmediatamente de alí, e non atopo o camiño!! Esperto suando, sen conseguir o meu obxectivo. E resúltame deprimente pensar que me angustie máis incumprir unha norma que a seguridade sanitaria miña e dos demais. Cousas!